Chano Piñeiro, Cronoloxía
Chano Piñeiro
1954.— Nace Luciano Manuel Piñeiro Martínez o 12 de outubro, no desaparecido sanatorio compostelán de San Lorenzo. É inscrito no rexistro civil de Forcarei, onde os pais teñen unha botica, na Rúa Progreso n° 17. Eles viven no n° 49 da mesma rúa, nun piso alugado ó señor Manuel Barreiro (o carteiro —na realidade e na ficción— de "Mamasunción")
--------------------------------------------------------------------------------
1955.— É bautizado na igrexa parroquial de San Martiño de Forcarei, polo párroco don Secundino Cortizo.
--------------------------------------------------------------------------------
1958.— En setembro comeza a ir á escola de párvulos de dona Carme Cubela, onde permanecerá ata o ano 1964 (súa nai non quería que pisase a aula doutro mestre, don Xosé, porque Ile pegaba ós alumnos)
--------------------------------------------------------------------------------
1964.— Envíano interno ó colexio San Narciso de Marín, onde fará o bacharelato.
--------------------------------------------------------------------------------
1969.— Atópase estudiando PREU no colexio La Salle de Santiago.
--------------------------------------------------------------------------------
1971.— Inicia os estudios de Farmacia na universidade compostelá. Ese mesmo ano detéctaselle o mal de Crohn, que o obrigará a ser sometido a constantes operacións de intestino durante o resto da súa vida. Tamén coñece á que se converterá na súa dona, Mariluz Montes, nunha festa en Augas Santas (Cotobade).
--------------------------------------------------------------------------------
1974.— Casa con Mariluz, sendo os dous aínda estudiantes de Farmacia.
--------------------------------------------------------------------------------
1975.— Mariluz regálalle a filmadora de súper-8 marca Minolta que daría inicio á carreira cinematográfica.
--------------------------------------------------------------------------------
1977.— Chano, inspirado na obra "Sempre en Galiza" de Castelao, escribe e roda a súa primeira curtametraxe, "Os paxaros morren no aire", que acadaría o premio "Filme de oro" do Ministerio de Cultura en Vilagarcía de Arousa e o "Quijote de Honor" no certame Ciudad de Alcalá de Henares, xa no ano 1978.
--------------------------------------------------------------------------------
1979.— Instálase en Vigo con Mariluz, onde rexentarán unha botica na rúa Torrecedeira. Roda a primeira longametraxe de ficción do cinema galego —xunto con "Malapata" de Carlos López Piñeiro—, aínda en súper-8, titulada "Eu, o Tolo". Non se estreará, sen embargo, ata o 12 de marzo de 1982, no Centro Cultural Cidade de Vigo.
--------------------------------------------------------------------------------
1980 — 1982. Chano e mais Pablo Barreiro, o seu músico e técnico de son, ó xeito dos pioneiros de principios de século, inician unha viaxe de exhibición de "Eu, o Tolo" por distintas vilas e aldeas de Galicia, equipados con pantalla, proxector e equipo de son. O público sempre os anima a seguir loitando por un cinema galego.
--------------------------------------------------------------------------------
1982.— Estrea oficial de "Eu, o Tolo" no Centro Cultural Cidade de Vigo.
--------------------------------------------------------------------------------
1984.— Por fin dá o salto ós 35 mm. coa rodaxe, trala fundación da productora "Piñeiro, S.A.", de "Mamasunción", a curtametraxe que se converte no primeiro éxito internacional do cinema galego. A película estréase o día 28 de nadal dese ano, no Centro Cultural Caixa Vigo, e no seu haber conta cos seguintes galardóns: Gran Premio do Cine Español e Trofeo do Instituto de Cooperación Iberoamericano no XXVI Festival Internacional de Bilbao; Premio da Federación Internacional de Críticos en Oberhausen (Alemania, 1985); Premio da Federación Internacional de Cineclubes en Cracovia (Polonia, 1985); Gran Premio de curtametraxes no Festival de Figueira da Foz (Portugal, 1985); Gran Premio do Festival de Tetuán (Marrocos, 1986); Segunda películas máis votada polo público no Festival de Sidney (Australia, 1985).
--------------------------------------------------------------------------------
1985.— Outórganlle o Premio da Crítica Galicia no apartado de Artes e Ciencias da Representación. O día 25 de xullo, a cadea autonómica abre as súas emisións coa curtametraxe "Mamasunción". Participa nas Xornadas de Cine e Vídeo do Carballiño, compartindo mesa con Carlos Velo e Carlos López Piñeiro. O día 28 de outubro resulta elixido un dos "Once Galegos de Hoxe" (recoñecemento patrocinado pola ONCE en Galicia), xunto co seu amigo e veciño Xosé Luis Barreiro e con Camilo José Cela. Escribe o guión da súa seguinte película, "Esperanza".
--------------------------------------------------------------------------------
1986.— Estréase "Esperanza", patrocinada polo Concello de Vigo.
--------------------------------------------------------------------------------
1988.— Comeza o longo periplo da rodaxe de "Sempre Xonxa", que tardaría ano e medio en ser filmada.
--------------------------------------------------------------------------------
1989.— Estréase "Sempre Xonxa", que se converte na primeira longametraxe en 35 mm. do cinema galego, xunto con "Urxa", de Carlos López Piñeiro, e "Continental", de Xavier Villaverde.
--------------------------------------------------------------------------------
1990.— Con "Sempre Xonxa" percorre Canadá, Estados Unidos, Australia, Portugal, Cuba, Brasil e outros países de Latinoamérica. Participa nos festivais de Cannes, Montreal e La Habana, onde coñece a Xosé Neira Vilas. Mesmo falan de levar á pantalla as "Memorias dun neno labrego". No verán pronuncia o pregón das festas de Forcarei en loor de multitude, e exhíbense as películas "Mamasunción" e "Sempre Xonxa", para tódolos seus orgullosos veciños, na praza da igrexa. Na mesma noite actúa o grupo "A Quenlla" de Xosé Luis Rivas Cruz "Mini", amigo de Chano e coautor da música de "Mamasunción".
--------------------------------------------------------------------------------
1992.— Participa nunha exposición colectiva de dez pintores que terá lugar na Sala de Exposicións do Concello de Forcarei durante todo o mes de agosto.
--------------------------------------------------------------------------------
1993.— Roda "O Camiño das Estrelas", encargado da promoción de Galicia no Xacobeo 93. Preséntase o 25 de Xullo no auditorio ó aire libre do Monte do Gozo de Santiago. É premiado pola Fundación San Martiño da Estrada polo uso e defensa do galego na súa obra.
--------------------------------------------------------------------------------
1994.— Organiza, un Festival de Cinema no auditorio ó aire libre de Castrelos, en Vigo. No nadal dese ano preséntase o seu libro "Conversas co Vento", recollendo os artigos que escribía desde había un tempo no xornal "Faro de Vigo".
--------------------------------------------------------------------------------
1995.— Falece o día 21 de marzo no Hospital Xeral de Vigo, ós 40 anos de idade. A Xunta prémiao a título póstumo coa Medalla de Galicia. O Centro Galego de Artes da Imaxe publica trala súa morte o libro recompilatorio "A luz dun soño e outros textos de cine". O Concello de Vigo dálle o seu nome a unha rúa da cidade.
--------------------------------------------------------------------------------
1997.— O Concello de Forcarei réndelle homenaxe poñendo tamén o seu nome a unha rúa da vila.
--------------------------------------------------------------------------------
1999.— O xornalista e crítico de cine Xoán Acuña publica o libro "Chano Piñeiro, unha historia do cinema galego". O Instituto de Ensino Secundario de Forcarei pasa a levar oficialmente o nome de "I.E.S. Chano Piñeiro". O Faro de Vigo publica a biografía en banda deseñada de Chano, con ilustracións de Bofill e textos de Francisco Rozados.
--------------------------------------------------------------------------------
2000.— O CEFOCOP (Centro de Formación Continua do Profesorado) do Ferrol edita unha unidade didáctica sobre a película "Sempre Xonxa", na que colabora Francisco Rozados, autor desta biografía.
1