Chano Piñeiro, Introducción
Chano Piñeiro
Eu nacín nunha casa moi preto da de Chano Piñeiro (el vivía no 49 e eu no 52 da rúa Progreso). Fun, polo tanto, veciño e amigo de Chano, aínda que nos separaban nove anos, e tamén do seu pai, o boticario de Forcarei durante máis de tres décadas, que era amigo íntimo de meu pai. Tiven, pois, a sorte de compartir momentos da vida dese galego dos bos e xenerosos que foi Chano Piñeiro. Por eso me encheu de satisfacción a proposta do bo amigo Xosé Luna de tratar de escribir este pequeno libro sobre un home a quen, por riba da veciñanza, da amizade e do común amor a Forcarei, admirarei sempre mentres viva.
É agora Chano quen fala, nun libriño que semella máis ben unha fiestra á fantasía ("A luz dun soño e outros textos de cine"):"Así pois, pasei a miña infancia en Forcarei, os dez primeiros anos. Non sei quen dixo "a miña patria é a miña infancia". Tiña razón". Esa infancia pasada en Forcarei marcou, de xeito esencial e vivencial, toda a concepción da vida rural e profundamente galega que Chano despregou na súa obra cinematográfica —algún crítico, coido que inxustamente, aporíalle máis tarde o recurso á descrición do rural como representación da Galicia enteira—. Pero esa concepción non se deu só na súa cinematografía, senón tamén na obra escrita, onde se nos manifestou coma un consumado narrador ateigado de ironía, na mellor liña da retranca cunqueiriana. Desta faceta falaremos logo, pero podemos adiantar, precisamente da man do esclarecido mindoniense, que "... o home galego, na súa terra tan antiga e traballada, de tan longo matrimonio co humano facer, de tan patente e cotiá resposta ás labranzas e ós días, coñece e concede máis que calquera outro home. Tanto coñece e concede que Ile parece ver Galiza coma se fose unha persoa. A relación do galego coa súa terra colle así un carácter máis íntimo e subxectivo, máis intuitivo que reflexivo, máis, pois, no eido da creación poética que no da estimativa lóxica". Así, lealmente, entendía Chano a profunda e ancestral vida rural, da que sempre se mostrou namorado —"eu son un aldeán, para ben ou para mal" é outra das súas frases categóricas pola que osmamos ó Chano enraizado e comprometido coa súa terra e coa súa cultura—.
Pero Chano Piñeiro, a quen Miguel Anxo Fernán-Vello cualificou con moito acerto de "Lumière de nós" —por nos fornecer dun cine "medido en ferrados de corazón"—, é coñecido, sobre todo, coma un pioneiro fundamental, coma o Griffith do cinema galego, salvando todas as distancias que haxa que salvar e sen menosprezar ó seminal Carlos Velo.
Volvendo á relación que nos unía —causa ex corde de que este libro fose concibido—, compartín con el, con nove anos de diferencia como xa dixen, veciñanza de barrio, mestra de primeiras letras, o cine "Colón", a paixón por Forcarei e pola aldea ancestral, o bacharelato no colexio San Narciso de Marín, a loucura cinéfila e a lembranza dos derradeiros anos de vida de Paco Farria e mais da señora María Rosa da Regueira, mudada cos anos na Mamasunción cinematográfica que paseou a Forcarei, tamén encarnado en Baíste, polo mundo adiante. Outro aspecto fundamental que compartimos foi o mundo da infancia. Sempre pensei que Chano se entendía mellor cos nenos ca cos adultos, e tamén que os entendía mellor do que os adultos acostuman a entender ós nenos. A infancia xoga un papel primordial na concepción da súa obra, dos seus guións.
Compartimos tamén algúns momentos intensos nos derradeiros anos que a el lle tocaría vivir, e que me fixeron redescubrilo con aquela súa paixón creadora —paixón enfermiza por riba da propia enfermidade—, demostrándome que o corazón e a vontade dun home poden máis ca tódalas adversidades e, sobre todo, con aquel seu fardo enorme de humanidade que rebordaba do seu corpo feble como o monte Candán —grande para nós, pero cativo na inmensidade azul— reborda de luz nos amenceres de verán.
Foi un verdadeiro pracer mergullarme nos apuntes, libros, revistas, xornais, correspondencia persoal e fotografías —que xenerosamente me prestaron Mariluz Montes e Manuel Barreiro— de Chano, para poder confeccionar este libriño que só tenta enriquecer un pouco a memoria dun amigo, dun creador, dun loitador, dun home no fondo sentido da palabra. Sinxelamente, para contribuír, na modestia destas liñas, a perpetuar a lembranza dese "doce envento humano" que foi Chano.
Antes de seguir adiante, debo tamén aclarar que un non demasiado ríxido ordenamento no fío cronolóxico, polo constante recurso a idas e voltas no tempo —en termos cinematográficos deberiamos falar de flash-backs e flash-forwards, ou de narración invertida e de encadeados, mesmo de digresións temporais— tenta imprimirlle a esta obra unha maior aproximación ó traballo concreto nacente de cada situación, tentando profundar e dialogar in extenso con cada concepto que vaia xurdindo en torno a Chano e á súa obra antes ca seguir unha liña continua de sucesos, toda vez que no remate da mesma se pode seguir, se esa fose a intención do lector, unha cronoloxía ordenada e relativamente densa, por non aludirmos á existencia doutras publicacións con exposición máis lineal sobre a vida e a obra de Chano.
1