As Pontes do Lérez


As Pontes de Lérez. Ponte Gomail.

No ano 1987 publicou o entón cronista da Terra de Montes, Antonio Rodríguez Fraiz, un libro titulado "As pontes do Lérez”, que inclúe debuxos do recoñecido artista Agostiño Portela Paz e poemas de Xosé Roxelio Otero Espasandín, o grande poeta da Terra de Montes, e de Noriega Varela, entre outros. Nesta obriña recóllese o amor da pedra labrada polos nosos canteiros e do río Lérez, desde o seu nacemento, no alto de San Benito, ata que se abraza ó mar na ría de Pontevedra.

Das corenta pontes – noivas do río – que pasan o Lérez, vinte e tres atópanse no concello de Forcarei, e dezaseis delas fican na freguesía de Aciveiro. A primeira que atopamos é a Pontiña vella da Noveliza, trala que aparece a Ponte do Naval Novo, no mesmo rueiro. Vén logo a Ponte da Barreiriña

Na ponte da Barreiriña
hai un camiño de pedra
unha ponte sobre o Lérez
flores da miña terra.


Segue a Ponte do Atranco Grande, xurdida no século XVI, arroupada por ameneiros e bidueiros. A Ponte dos Portos, xa na Rochela, servíalles os veciños deste lugar para pasar ó Candán, Grobas ou Millerada. Tamén na Rochela atopámo-la Ponte do Carballo, á que un deu nome un varudo carballo que fica ó seu pé. As augas do río xa comenzan aquí a teren forza, e as pontellas e pontillóns comenzan a se converteren en verdadeiras pontes firmes. Se seguímo-lo río atopámo-lo primeiro muíño da súa carreira, que os da Rochela chaman muíño de Riba, ó cal se accede por unha ponte co seu mesmo nome. Pouco máis abaixo atopamos outro muíño, o muíño de Baixo, e a Ponte de Tras da Vela, de dous vans con tallamar.

Veñen logo a Ponte Vella e a Ponte Nova do Rabelo, que unen os rueiros de Forno e Vilaverde co de Andón, e de seguido aparece a máis vella da zona, a Ponte da Fraga ou do Forno, obra dos frades fundadores do mosteiro de Aciveiro, probablemente anterior a este, e á beira da cal xurdirían posteriormente os lugares de Forno, Vilaverde e o Cotiño. A esta ponte dedicoulle uns agarimosos versos o poeta Noriega Varela:


Naciches belida e pequena
axeitada para un río
tamén pequeno e ruadeiro
bicándose decote
á soma do mosteiro,
>matinando na vida
correndo para o mar...


A seguinte no percorrido, a Ponte Nova das Codeseiras, fíxose realidade no ano 1933, xunto coa estrada de Ventas de Narón a Folgoso, obra da II República. Non moi alonxado desta ponte atópase o Pontillón do Porto das Buratas, obra dun dos mellores canteiros de Aciveiro, Francisco Doval Viéitez.

Voltamos logo a atopar outro muíño, cunha ponte que o serve só a el, a Ponte das Brañas, e, no límite da freguesía aciveirense, as dúas pontes de Andón, a Ponte Vella, verdadeira obra mestra do Románico popular encetada cando San Gonzalo das Penas era abade do mosteiro, no século XV, e a Ponte Nova, que une Aciveiro coa estrada de Forcarei a Silleda.

Xa na parroquia de Dúas Igrexas, a onde entra o Lérez polos pobos de Quintelas e Valiñas, atópase a Ponte Carballa, que ten nove vans e dezaoito metros de longo, erguida tamén nos anos da II República, co traballo comunitario dos veciños e coa axuda do Concello de Forcarei, que tamén a prestaría para construí-la Ponte de Valiñas. E despedindo esta freguesía está a Ponte do Crego, vencellada á fermosa lenda da loira Loureiriña, que baixaba do cercano castro de Loureiro e aparecíaselles ós viandantes. Esta ponte tamén se atribúe a San Gonzalo das Penas de Aciveiro.

Outras catro pontes atravesan o Lérez no seu paso pola parroquia de Forcarei: a Ponte de Xulián, que se derramou e tivo que ser reconstruída; a Ponte Maril, que hoxe serve de entrada ó Acampamento Xuvenil que leva o mesmo nome que a ponte, que antano servía para comunica-los pobos de Espindo e Loureiro; a Ponte do Batán, pola que pasaban os canteiros de Montes camiño de Compostela, e a Ponte Gomaíl, a máis fermosa de todas cantas atravesan o Lérez no concello, en permanente irmandade coa verdecente paraxe que a envolve.

Preto de tódalas pontes tamén atoparemos, como vestixios da era pretecnolóxica, un sinnúmero de muíños hidráulicos en seductores emprazamentos.

 

 

 

Ver máisRuta das Pontes do Lérez. Sendeiro Homologado.PR-G 113

 

 

Ver máisRuta das Pontes do Lérez. Sendeiro.

 





 

Nº de resultados:
1
Mostrar

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí Se continuas navegando estás aceptándoa
Política de cookies +