Antonio Rodríguez Fraiz (1912-1995). Historiador e cronista
"O Cura de Campañó"
Este home de letras, ordenado sacerdote en plena guerra civil, foi membro do Instituto Padre Sarmiento (sección de Xeografía e Historia);cofundador do Museo do Pobo Galego e do seu Patronato; membro do Pedrón de Ouro; membro, así mesmo, da Comisión Diocesana de Arte da Arquidiócese de Santiago e Cronista Oficial da Terra de Montes, faceta esta última que desenvolveremos aquí.
O primeiro contacto da súa obra de investigación histórica con Forcarei e coa Terra de Montes é unha separata da revista COMPOSTELLANUM titulada TIERRA DE MONTES - TORRE FORTALEZA DO CASTRO Y JUECES MERINOS, que lle valeu, no ano 1971 un premio do Instituto de Estudios Jacobeos de Santiago, e na que de xeito minucioso percorre a historia da torre fortaleza do castro erguida por Xelmírez e derrubada pola revolta irmandiña no derradeiro tercio do séculoXV, así coma a serie de 55 xuíces-meriños que se sucederon ata a fin das xurisdiccións especiais, deixando constancia dos feitos máis relevantes que ocorreron en cada un dos períodos de mandato destes delegados da mitra e da coroa en Terra de Montes.
Sen dúbida a obra clave da súa investigación polo que atinxe á Terra de Montes é EL MONASTERIO DE ACIBEIRO, empresa de traballosa investigación sobre a historia do cardinal monumento e fito histórico-artístico da nosa comarca, unha obra que viu a luz no ano 1973, coeditada polo Museo de Pontevedra e maila asociación "Amigos do Mosteiro de Santa María a Real de Aciveiro e Terra de Montes", e na que se nos conta, con abundante documentación de apoio, a propia historia do mosteiro de Aciveiro e as pegadas da súa trascendental influencia en Terra de Montes. Está prolixamente arroupada con fotos de Sinsán, Manuel Barreiro, Virxilio Viéitez e do propio autor, e ilustracións de Castelao, Agustín Portela, Luís Darriba, Rosales Ardá e Rafael Iglesias. Trata na obra tódolos eidos que tiveron relación co cenobio, desde a economía á literatura, pasando pola historia cotiá e pola sucesión de abades que estiveron á súa fronte, sen deixar recanto por escudriñar na procura de datos que nos debuxen unha clara idea do que o mosteiro de Santa María a Real de Aciveiro significou desde a súa fundación no ano 1135 ata o ano 1835, no que se produciu a desamortización de Mendizábal. Supón, polo tanto, unha obra de investigación de capital relevancia para indagar na identidade da nosa bisbarra e mesmo na da Galicia da Idade Media e Moderna.
Outro bo exemplo do quefacer de cronista de Rodríguez Fraiz é unha pequena lembranza do artista presqueirense Virxilio Blanco Garrido, dedicada a glosar a homenaxe que unha serie de artistas, poetas, xornalistas e amigos consagrou ó pintor o día 21 dexuño de 1.975, no 27° cabodano do seu falecemento. Nesta homenaxe e na plasmación que dela fai Rodríguez Fraiz queda patente a fonda admiración que o noso artista causaba en homes coma Colmeiro, Laxeiro, Pesqueira, Maside, M. Torres e Agustín Portela, colaborando estes con fermosos e orixinais debuxos que contribúen a dar a esta lembranza unha suxestiva presentación e unha profunda riqueza de sentimentos.
Proseguindo cronoloxicamente a obra consagrada á Terra de Montes, realizaría no nadal de 1982 quizais a obra que mellor reflicte o afecto que sentía pola comarca e polas súas xentes o noso cronista: unha exhaustiva guía dos CANTEIROS E ARTISTAS DE TERRA DE MONTES E RIBEIRAS DO LÉREZ. Fálanos aquí de personaxes representativos dunhas épocas nas que os oficios artesanais e artísticos eran a herdanza máis patente do que representou ó longo de setecentos anos o mosteiro de Aciveiro. Son salientables Xosé Barreiro, cereiro e borreiro que chegou a rexentar o mellor obradoiro de cera de Terra de Montes, no século XVIII; Xosé Barreiro Gómez, o pintor de Loureiro, un dos máis cotizados na actualidade de toda a arte galega contemporánea, que realizou a primeira portada da revista COTAREDO; Manuel Barreiro Ouro, outro dos colaboradores da revista, fotógrafo, reloxeiro, canteiro e músico; o propio Virxilio Garrido, do que falamos na súa lembranza; o canteiro Xosé Bugallo, que no século XVIII foi mestre nas obras da igrexa de Quintanilla de Somoza (Astorga); os gaiteiros de Soutelo, sobre todo Avelino Cachafeiro, de quen celebramos o Centenario do seu nacemento no ano 1999, pero tamén Fermín, Castor e Bautista Cachafeiro, e mesmoo avó de Avelino, Xoán, quen deixou xa mostras da súa arte musical no primeiro tercio do século XIX; Diego de Cana, de Pardesoa, o primeiro gaiteiro do que temos noticia na Terra de Montes (nado no primeiro tercio do século XVI); Xosé Couceiro Blanco, canteiro presqueirense que morreu traballando nunhas obras de restauración da catedral de León cando só contaba con 24 anos; Manuel Doval Cadavid, escultor de Millerada, autor da bela imaxe do corazón de María que se pode ver no cemiterio da igrexa parroquial; Xoán de la Fuente, canteiro aciveirense que no século XVI traballou na feitura do claustro das Procesións do mosteiro; Pedro Gutiérrez, mestre asentador de Castrelo que traballou na construcción do actual templo de Forcarei; Alfredo Iglesias Álvarez, mestre de cantería, presidente da "Sociedad Agraria y Ganadera de Forcarei"e loitador social; Miguel de Romay Alonso e Alfonsín, escultor de Dúas Igrexas (segundo Bouza Brey era fillo do abade don Antonio Pereira de Romay e Xunqueiras) que realizou o retablo que podemos admirar no templo do mosteiro de Aciveiro; Caitán Soto, mestre de escultura e cantería de Berrozo (Millerada), autor do cruceiro do Pazo de Hermosende, na mesma parroquia; Simón Taboada Troitiño, mestre de arquitectura nado na Madalena a mediados do século XVII, que traballou na catedral de Tui ou Manuel Villaverde, compositor nado en Aciveiro a principios do século XX, fundador e director dunha das mellores orquestras bonaerenses, a "Atlantia Jazz Band", e autor dun pasodoble titulado "Viva Forcarei", ó que puxo letra o poeta Benito Veloso.
A derradeira obra dedicada á Terra de Montes, AS PONTES DO LÉREZ, editada pola Xunta de Galicia, foi escrita por Antonio Rodríguez Fraiz no ano 1987, profusa e fermosamente ilustrada polo artista Agustín Portela Paz. Nela os autores plasman o itinerario que, nacendo co río Lérez, van formando as pontiñas, pontellas, poldras, pontillóns e pontes que as mans dos canteiros foron trazando no curso do río, desde a Pontiña Vella da Noveliza, preto do nacemento e do cume do Candán, ata a Ponte da Barca, en Pontevedra, nun traxecto de 40 pontes, das cales 23 atópanse no concello de Forcarei. É untraballo de homenaxe ó río Lérez, ás súas pontes, ó folclore que existe en torno a elas, e tamén ós canteiros que as encetaron, e del saiu o actual SENDEIRO DAS PONTES DO LÉREZ, que se extende desde Pedre, no veciño concello de Cerdedo, ata o nacemento do Lérez, na serra do Candán, e que é percorrido cada vez por máis xente. No 2004 foi arranxado e novamente sinalizado pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Esto axudou a darlle máis proxección e na actualidade atrae a novos grupos de sendeiristas ó río dos mil nomes, como denominaba Frai Martín Sarmiento ó noso Lérez. Todo esto é parte do labor investigador do que fora cronista de Terra de Montes, labor que se extende tamén a outros fitos de fóra da bisbarra, e que, conxuntamente co que rematamos de reseñar, valeulle ser recoñecido numerosas veces no mundo da cultura galega. No ano 1998, o Concello de Forcarei e maila fundación Pedrón de Ouro, dedicáronlle unha xornada de homenaxe e a apertura dunha rúa co seu nome no núcleo de Forcarei.
1