Cultura e Tradicións


Sempre Xonxa, cine de Forcarei

Unha cántiga do acervo folclórico de Montes reza así :


A Terra de Montes ten
de todo coma en botica
bos canteiros, bos gaiteiros
e bos cregos para dicir misa

Quizais non haxa outra maneira tan sinxela de definir a esta terra, na que sempre conviviron, conxunta e inseparablemente, o amor pola pedra labrada, a vida relixiosa xurdida do mosteiro de Aciveiro e as tradicionais romarías, animadas polos máis avezados gaiteiros.

O amor pola pedra labrada queda ben claro na prolixidade á hora de agromar mestres canteiros da talla de Pedro de Arén ou Manuel Cadavid, e tamén queda patente na forte e serea fermosura da pedra das pontes, dos cruceiros, das igrexas e do propio mosteiro, centro de vida relixiosa que chegou a ter unha Escola de Teoloxía Moral, fundada no século XV por San Gonzalo das Penas, abade que combinou o seu labor espiritual coa iniciativa de obras en pedra como a Ponte románica de Andón ou a antiga Ponte do Crego en Dúas Igrexas.

Nunca faltaron tampouco bos e renomeados gaiteiros, desde Diego de Cana, primeiro do que temos noticia na Terra de Montes, no século XVI, a Adelino Pichel, o Gaiteiro de Sorribas. O máis sobranceiro deles é Avelino Cachafeiro, o maxistral músico soutelán, loubado pola pluma do patriarca Castelao en afervoada crónica dos anos vinte. Avelino, que conformou co seu pai e cos seus irmáns o cuarteto Gaiteiros de Soutelo, foi ademais pintor e poeta, e o seu libro "Voando coas aas do Vento” sería prologado por don Ramón Otero Pedrayo. Poetas da terra tamén foron Benito Veloso Prado, autor da letra dun poema ó que poría música o artista aciveirense Manuel Villaverde, converténdoo nun pasodobre titulado "Viva Forcarei”, estreado no Centro Galego de Buenos Aires no ano 1924. Veloso Prado orienta as súas composicións cara a sátira e o sainete, e seus son os versos de Sangre Gorda e Un Morto que Fala. O xenial bardo Amado Carballo, fundador do hilozoísmo, veu pasar os últimos anos da súa vida a Sanguñedo e Soutelo, e alí se inspirou para compoñe-la súa obra póstuma O Galo.

No mundo das letras tamén temos que destaca-lo labor de Antonio Rodríguez Fraiz, que foi cronista oficial da Terra de Montes e verdadeiro arquivo humano de historias e lendas, autor dos libros "El Monasterio de Acibeiro”, "Canteiros e Artistas da Terra de Montes e Ribeiras do Lérez” e "Tierra de Montes. Torre-fortaleza do Castro y Jueces-merinos” entre outros; Xosé Manuel Rivas Troitiño, xornalista e autor da biografía do Gaiteiro de Soutelo, e Xosé Luis Barreiro Rivas, home de profunda formación humanística, doctor en Ciencias Políticas e autor de concienzudas obras de reflexión social e política, así como de un exhaustivo estudio sobre o Camiño de Santiago desde a súa perspectiva histórica.

Voltando ó campo das artes, cómpre lembrar a Virxilio Blanco, pintor presqueirense fundador da revista "Alborear” e recoñecido como auténtico mestre das vangardas de principios de século. Xosé María Barreiro Gómez, nacido en Loureiro, tamén é un dos grandes da pintura galega contemporánea, cun estilo de liña vigorosa e virtuoso no uso da cor que conforma un expresionismo robusto – especie de fauve galaico – . Fundou o denominado Prismatismo, que proclama o enriquecemento do tema por medio da descomposición das cores básicas. Os máis xoves, Muras e Gulías, tamén teñen que dicir no actual panorama da pintura, e os dous figuran entre o patrimonio pictórico do Concello de Forcarei, xunto con veteranos como Mario Dapena e José Luis Mora.

En Forcarei naceu e viviu a súa infancia o director de cinema Chano Piñeiro, autor das loubadas "Mamasunción” e "Sempre Xonxa” – primeira longametraxe do cinema galego – , e tamén o seu amigo e colaborador, autor das bandas sonoras de tódalas súas películas, Pablo Barreiro.

Vencellados asimesmo ó eido da imaxe están Manuel Barreiro e Virxilio Viéitez, fotógrafos que recolleron fidelisimamente o espírito das xentes de Montes, o primeiro autor de fermosas estampas do Forcarei dos anos corenta e cincuenta, e o soutelán Virxilio recoñecido nos últimos anos como un dos máis avezados retratistas do mundo da emigración.

 

 




 

Nº de resultados:
1
Mostrar

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí Se continuas navegando estás aceptándoa
Política de cookies +