Chano Piñeiro, Camiño da Madurez
Chano Piñeiro
Chano asistiu durante meses, para se documentar e facer unha película verista, ás terapias de grupos de alcohólicos, e tivo que construír un final duro, porque a realidade coa que conviviu neses meses, pensaba el, é así de dura, aínda que quede sempre un abeiro para a esperanza. Para o propio Chano tamén era dura a realidade. Levaba como podía, máis mal ca ben, a doenza de Crohn durante todos eses anos. Pero eso non lle impediu facer sempre o sacrificio que tiña que facer para levar adiante os seus guións. E o máis duro aínda estaba por vir.
No caso de Chano, vendo tódolos problemas que se lle presentaron —de tódalas castes— e o xeito en que os foi salvando todos e cada un ata levar a bo termo as súas obras, case se inclina un a cavilar que ser director non é soamente unha profesión, nin tan sequera unha vocación, senón un destino, un fatum que o propio director non pode declinar, unha misión que consiste non só en poñer algunhas imaxes sobre a película virxe, senón en tratar de comprender algo na vida e expresalo dalgún xeito tamén comprensible —aquela vella teima da escola rusa de pensar que unha película é esencialmente "tempo impreso", e que un artista sinxelamente o montaba, ou o que Xosé Luis Barreiro nos mostra no prólogo cando fala de que os actores ... ... son coma persoeiros atrapados nunha realidade exterior que o cineasta se limita a recoller cunha cámara curiosa—. Existe, pois, un xeito de engado no que tamén fica atrapado o director, que se desvive —nunca máis certo ca no caso de Chano— por cumprir a súa sagra misión: convencer ós demais a través da beleza, pero tamén da verdade, das súas imaxes. O noso amigo vai máis alá e participa activamente na cultura non só desde o mundo das imaxes: na súa rebotica xúntase desde hai anos un nutrido grupo de artistas, xornalistas, actores, pintores e escritores, dando orixe a un interesante faladoiro os xoves de cada semana. Participará tamén na Comisión Xestora da que ha saír a Asociación de Productoras de Cine e Vídeo de Galicia na primavera de 1987, xunto con Pancho Casal, Daniel Domínguez, López Piñeiro e Antón Reixa.
El mesmo nos conta que reescribiu a historia máis de nove veces. Neses anos que van desde o 85 ata o 88 atopa —e fica engaiolado por ela— a paisaxe atávica onde conformará o seu Trasdomonte —metáfora, en verbas de Xoán Acuña, de tódalas Galicias posibles e soñadas—.
Neira Vilas, o escritor de Gres, co que Chano fará amizade en Cuba en 1990, deixounos escrito nalgún lugar que todos levamos a xeografía orixinaria na retina. O director de Forcarei traslada a súa xeografía orixinaria a Santa Olaia de Valdeorras, ese lugar da Galicia máxica por onde ruarán os protagonistas da historia no marco da Galicia máis fonda e menos contaminada polo progreso. Compón a historia en catro décadas (1947 - 1986) que estarán representadas nas catros estacións do ano: a primavera da infancia; o verán da adolescencia; o outono da mocidade —e da emigración— e o inverno da madurez. Será unha historia moi humana, ateigada de amores e de odios, de mito e de racionalidade. Curiosamente, o mito e a racionalidade, contrapostos ab antiquo, tomarán corpo nun mesmo personaxe:
Caladiño, o home inventor que serve de enlace entre os protagonistas, un pouco tolo e amigo das utopías. Representa coma ninguén a unión entre a vella matria —a Galicia dos mouros, do lucumón, dos tesouros enterrados, das doncelas, da estadea, da tradición, en definitiva— e a idea do progreso (do complexo e descompasado agiornamento do noso rural).
Xúntanse, en "Sempre Xonxa", os tópicos que conviven na aldea da época franquista, é dicir, o crego, o mestre, os picariños, os avós e avoas, o "tolo" marabilloso de Caladiño e a criada do crego, pola que salaia o utópico inventor. Este mosaico de personaxes que van desfilando no espacio e no tempo do Trasdomonte piñeirano son os que insuflan a pletórica vida que reborda dos limiares da aldea ancestral e os que tecen a xa coñecida trama de amizade, amor e traizón, enfiada en torno ós tres personaxes protagonistas, que son a propia Xonxa, o Pancho e o Birutas.
Está inspirada nunha historia da que Chano escoitara falar nas aldeas de Rubillón e Baíste, escenarios, como xa sabe a estas alturas o lector, de Mamasunción.
Os principais papeis da película estarán encarnados por Uxía Blanco, que debuxa os intensos perfís da muller protagonista, Xavier R. Lourido e Miguel Insua nos papeis de Pancho e Birutas, Roberto Casteleiro construíndo un axeitado Caladiño, Roberto Vidal Bolaño na pel do mestre, a veterana Aurora Redondo incorporando á avoa do Panchiño, Rodrigo Roel como o crego e a actriz Loles León intepretando á súa criada. Conta coa colaboración, nun pequeno cameo, do fotógrafo Manuel Ferrol, a quen Chano quere render, deste xeito, homenaxe como o fotógrafo por antonomasia da emigración, xunto con outra escena que recrea a celebérrima fotografía de Ferrol na que aparece o avó chorando e pasando a súa man por baixo da meixela do seu neto, que tamén chora, ous dous despedindo a alguén dos moitos que se foron ás Américas.
A espiñenta realidade da película semella influír nos tamén dificultosos avatares da producción e da rodaxe. A pesar de obter as máximas valoracións con "Mamasunción" por parte do Ministerio de Cultura, tres veces se lle nega —cando a película xa está en marcha— a subvención para "Sempre Xonxa" por parte do entón Director Xeral de Cinematografía, o crítico e escritor Fernando Méndez Leite, a quen Chano envía unha carta desde o xornal Atlántico Diario criticando, en ton mordaz, a falta de obxectividade no reparto. Finalmente logra saír do atranco gracias ás aportacións da Consellería de Cultura da Xunta, da organización do V Centenario e da Deputación de Pontevedra, entre outros organismos, e tamén gracias ás pequenas aportacións de particulares que cren en Chano e no seu circio compromiso coa cultura galega.
A carreira comercial en Galicia é todo un éxito, algo que non se repite no resto de España. Sen embargo, o resultado artístico é outro cantar, posto que resulta seleccionada en 1990 para os festivais de Montreal, La Habana, os III encontros cinematográficos de Cannes, o de Cine Latino de Chicago, o de Portland e os de Sidney e Melbourne. Precisamente en La Habana Chano e Mariluz atópanse e traban fonda amizade co escritor Neira Vilas e coa súa dona Anisia. Mesmo falan de adaptar ó cinema algún día a novela de Neira "Memorias dun neno labrego", que tanto engaiolara a Chano.
Ese mesmo ano, no verán, Chano será o pregoeiro da Festa dos Dolores de Forcarei, a mesma noite na que se proxectan para os seus orgullosos veciños "Mamasunción" e "Sempre Xonxa", nunha velada memorable de cinema ó aire libre que finaliza coa actuación do grupo "A Quenlla", liderado polo seu amigo Xosé Luis Rivas "Mini", que xa deixara atrás, xunto con Mero, o fundacional "Fuxan os Ventos".
Chano precisaba, coma o aire que respiraba, unha temporada de acougo tralo esgotador sacrificio que fixera para superar tódolos atrancos da primeira longametraxe do cinema galego. Tiña dereito, e así o fixo ata finais do 92, en que se ten de embarcar noutro proxecto, agora sen ningún dos problemas financeiros cos que se atopara durante toda a súa vida de cineasta: a Consellería de Cultura encárgalle a promoción do Xacobeo 93 a través dunha mediometraxe. El decidirá darlle entón o formato axustado entre ficción e realidade no que trenzaría a historia dun lobishome —Valente—, representando ás terras labregas do interior, da montaña, e dunha serea, representando á Galicia mariñeira. Eses dous personaxes ocorréronselle precisamente nunha visita a Forcarei: "Asaltáronme cando ía no coche facer unha das miñas esporádicas visitas a Forcarei. Xa se sabe que tódolos asasinos volven ó lugar do crime e eu, cada certo tempo, sinto a necesidade de volver á miña primeira aldea. Sei exactamente o lugar onde descubrín que a base da película ía ser unha historia de amor entre unha serea e un homelobo. Entón parei o coche, baixei a xanela e deixei que os personaxes repousaran mentres que cos meus ollos percorría e penetraba os volumes que debuxaba na paisaxe a luz quente do solpor".
Chano chamoume para que colaborase con el nas tomas que ía facer da Terra de Montes. Lembro que me comentaría a idea da serea e o lobishome nun xantar que tivemos en Cerdedo cando máis tarde nos puxemos á procura de localizacións para rodar as escenas do falcón peregrino na ponte de San Antón —co cameo de Roberto Casteleiro e Uxía Blanco— e a da Rapa das Bestas, en Sabucedo. Pareceume, e séguemo a parecer, unha fermosa idea, porque tamén a min me parecera, igual cá Chano, moi boa a película de Pedro Olea que adaptaba a historia real do lobishome de Santa Baia de Esgos —Manuel Blanco Romasanta—, á súa vez inspiradora da novela "El Bosque de Ancines", de Carlos Martínez-Barbeito, na que se baseou finalmente Pedro Olea. Á película, da que xa falamos no comezo desta obra, titulada "El Bosque del Lobo", faille, desde a mediometraxe precisamente, unha pequena homenaxe na escena en que Goebbels, o antagonista da parella, utiliza a gaiola para levar presos á serea e mais ó lobo, rememorando aquel suxestivo final no que tamén prenden e engaiolan ó lobishome soberbiamente interpretado por José Luis López Vázquez.
1