Xosé Luís Barreiro Rivas
Humanista, xornalista e politólogo
Xosé Luis Barreiro Rivas naceu en Forcarei o día 5 de xuño de 1949.
Estudiou Filosofía e Letras na Universidade Pontificia de Comillas e Ciencias Políticas e Socioloxía na Universidade Complutense de Madrid. Desempeñou unha intensa carreira política entre os anos 1977 e 1989, que o levou a desempeñar os cargos de Vicepresidente baixo as Presidencias de Fernández Albor (1983-1988) e de González Laxe (1987-1988). Foi deputado no Parlamento de Galicia nas dúas primeiras lexislaturas (1981-1989), onde desempeñou o cargo de voceiro do Grupo Popular, e representou a Galicia na Asemblea de Poderes Rexionais e Locais do Parlamento Europeo.
Comezou a súa andaina política no grupo de Alianza Popular da provincia de Pontevedra, ocupando a Secretaría Xeral dese partido e logo do Partido Popular entre os anos 1984 e 1986 e a Secretaría Xeral de Coalición Galega entre 1988 e 1989. Como Secretario Xeral de AP de Galicia foi o primeiro asinante do pacto de coalición (eleccións autonómicas de 1985) que, estendido con posterioridade a todo o ámbito estatal, deu orixe ó Partido Popular.
Da súa xestión no goberno galego cómpre salientar a creación da Radio e da Televisión de Galicia (1985), a organización da administración autonómica e a instalación dos Servicios Centrais da Xunta en San Caetano. Xogou tamén un papel trascendental na redacción da Lei de Política Lingüística. A súa carreira ten un fito fundamental nas "Conversas do Hostal", ás que acudiu en representación do seu partido, logo de ter impulsado de forma decisiva a proposta negociadora que xurdira da "Declaración de Cambados". Decidido teórico e impulsor da corrente galeguista que animou a política de AP nos primeiros anos da nosa autonomía, foise afastando progresivamente das posicións de Fernández Albor, feito que o levou a dimitir do goberno que presidía aquel (30-10-1986) e a un progresivo abandono dos seus cargos no Partido Popular, formación na que causou baixa en xuño de 1987.
En setembro do mesmo ano avalou a moción de censura presentada polo PSOE e apoiada polo Partido Nacionalista Galego e por Coalición Galega, partido no que militaba desde o verán. Triunfou a moción e foi nomeado por segunda vez Vicepresidente, nesta ocasión da Xunta tripartita presidida polo socialista González Laxe.
Tras se afastar da política definitivamente, exerceu labores de xornalista, de analista político e posteriormente de profesor de Ciencia Política na Universidade de Santiago de Compostela. É autor das obras "Ciencia Política e Ética do Poder" (1991), "Parlamento en el Desierto" (1993), "La Función Política de los Caminos de Peregrinación en la Europa Medieval" (1997), "El Análisis Político en la Prensa Diaria" (1998), "The Construction os Political Space: Symbolical and Cosmological Elements: Jerusalem and Santiago in Western History" (1999).
Segue a exercer como articulista e analista político de La Voz de Galicia e do Grupo Voz e desempeña o cargo de Vicedecano do Ilustre Colexio Galego de Doutores e Licenciados en Ciencias Políticas e Socioloxía. É membro da Asociación Española de Ciencia Política e foi Presidente da Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia entre 1987 e 1988.
No ámbito local, desempeña desde os anos 90 o cargo de Presidente da "Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa María a Real de Aciveiro e Terra de Montes", e seu é o principal mérito, xunto co anterior presidente don Francisco Filgueiras Gulías, da rehabilitación integral do cenobio que tanta pegada deixou ó longo da historia na nosa comarca.
O día 22 de agosto de 1986 foi nomeado Fillo Predilecto de Forcarei polo pleno da corporación municipal.
1