Ruta das Pontes do Lérez
Na ponte da Barreiriña
hai un camiño de pedra
unha ponte sobre o Lérez
flores da miña terra.
Nunha terra onde cada sendeiro, cada verea, son en sí mesmos obras de apreciable beleza onde antano se combinaron e irmandaron perfectamente a pródiga nai natureza e maila sabia e respectuosa man do home da aldea.
Aínda así, unha das rutas que, certamente, pode exercer unha maior atracción sobre o sendeirista e á que temos por forza que acudir é a "Ruta das Pontes do Lérez”, xurdida á sombra dunha obra de colaboración entre o cronista Antonio Rodríguez Fraiz e o artista Agustín Portela Paz, que vai describindo e retratando puntualmente cada unha das pontes sobre o Lérez, o seu entorno e mailos retallos de cultura inmaterial ligados ás zonas polas que o río discorre.
Non foron, sen embargo, estes dous autores os primeiros en canta-las excelencias do Lérez. Frai Martiño Sarmiento, con antepasados en Cerdedo, dedícalle unha case desmedida atención a este río que nace en Acibeiro, a escasos dous quilómetros do mosteiro. Transmítenos o gran filólogo as súas dúbidas verbo da orixe etimolóxica da voz Lérez (orixinalmente Leron ou Laeron): "...ni sé si es voz de la lengua primitiva, si de la céltica, si de la griega, o si de la latina”, e apunta unha imaxinativa hipótese: "Siendo Pontevedra Hellenes y su significado, pueblo o país habitado de hellenos o griegos, claro está, que sin violencia, se pudo llamar el río Lérez, río de los griegos o fluvius hellenôn. Supuesto lo dicho, pudo haberse dicho Leros o Leron, mudando la N en R, tránsito común, sincopado el Hel-leron de Hel-lenon. Y acaso así se llamaría, y por lo mismo no me determino a creer sea voz latina... Mientras, digo que Laeros, se dijo Leros, Lericos, Lerice, Lerce, Lerze, Lerz, Lérez y Leriz”. Diríase que podemos chamalo, pois, coa licencia do sabio Martiño, o río dos mil nomes na terra dos mil ríos de Cunqueiro.
Tamén outro cerdedense, o poeta Xosé Roxelio Otero Espasandín, que no 2000 cumpríu o seu Centenario, dedicou un fermoso poema ás pontes do Lérez, no que queda ben patente o seu amor pola terra:
Pontes do río Lérez / feitas de ceo e pedra: /
lévovos no recordo / sempre ledas. /
Firmes pontes / brinco de orela a orela /
maternos brazos /da ialma da Galecia: /
comigo andades sempre, / as meniñas dos ollos moi abertas, /
cara ó lonxe do tempo / e das estrelas.
O percorrido desta ruta, deseñado por Gumersindo Ferro, comenza no lugar de Pedre (Cerdedo) e remata a poucos metros do nacemento do río, ó pé do Candán (Acibeiro). Sepárase nalgunhas zonas do cauce por mor das condicións topográficas adversas, e divídese en 9 tramos que supoñen un total de 24 quilómetros:
1- Ponte de Pedre– Ponte de Vichocuntín : quilómetro e medio que discorre nos comenzos entre uns valados de pedra que conducen á Eira Grande de Pedre, aldea que foi calificada por algúns etnógrafos coma o "Combarro interior”.
2- Ponte de Vichocuntín– Ponte de San Antón : tramo de 2 quilómetros que transcorre por unha zona chá e con abundante arborado.
3- Ponte de San Antón – Ponte do Pego : 5 quilómetros. Desviándose ó pobo de Cerdedo pódese ve-lo conxunto de hórreos da Eira da Pena, e voltando ó río existe unha boa cantidade de muíños sen perde-la traxectoria do cauce.
4- Ponte do Pego – Ponte Parada : outro quilómetro e medio. Tramo que consolida un paso de socorrido uso para os pescadores na marxe esquerda. A Ponte Parada é digna de contemplar facendo un alto no camiño.
5- Ponte Parada – Ponte Gomaíl : tramo de 3 quilómetros e medio que une dúas das pontes máis fermosas da ruta. Atoparemos un camiño que antigamente servía de acceso a unha das primeiras mini-centrais da era protoindustrial que xerou a corrente eléctrica para o municipio de Forcarei, a dos Gulías.
6- Ponte Gomaíl – Ponte Maril : nestes 2 quilómetros atópase un anaco de camiño empedrado entre a ponte nova e a chamada Ponte Vella do Batán, de Forcarei.
7- Ponte Maril – Ponte Carballa : parte este tramo dunha paraxe acolledora e rebordante de vexetación a carón do acampamento xuvenil de Ponte Maril, e discorre por bosques e carballeiras case en pemanente sombra. Ten 3 quilómetros.
8- Ponte Carballa – Ponte Vella de Andón : nun espacio de 3 quilómetros e medio recupérase unha vella verea que ía desde Ponte Carballa a Acibeiro, por mor do encaixamento que fai impracticable a zona de ribeira. Transcorre a ceo aberto polos montes de Valiñas e da Furada.
9- Ponte Vella de Andón – Ponte Vella do Rabelo : os dous derradeiros quilómetros transcorren por terreos de capa vexetal moi fonda, e condúcennos ás proximidades do nacemento do Lérez. A ponte da que parte este derradeiro tramo, a Ponte Vella de Andón, ben merece un alto no camiño, para observa-la fermosura desta obra mestra do románico popular, atribuida a San Gonzalo das Penas cando era abade do mosteiro de Acibeiro, que queda a uns catrocentos metros da ponte.
Da maxia e beleza desta ruta xunguida ó río, ás pontes, ós muíños e ó mosteiro, fálanos a propia tradición do noso país: no mundo mítico galego a auga, en tódalas súas formas (ríos, fontes, a mar) ten unha vital relevancia.
Tamén universalmente está vencellada a un simbolismo circular de morte e resurrección. Este valor mítico da auga atópase nos máis antigos textos da humanidade e, por exemplo, na epopeia sumeria de Gilgamesh concreta o mito do eterno retorno.
Vense claros, pois, os lazos de unión das tradicións seculares ó redor da auga cos ancestrais "enxebramentos”, ritos propios do folclore galego que equivalían ó bautismo dos nonnatos ou bautismos anticipados cando se temía pola vida da criatura no ventre materno, o mesmo cós rituais de fertilidade ou de exorcismo. Da práctica dos variados tipos de ritos hídricos existe constancia nalgunhas pontes do Lérez, coma na Ponte Vella de Andón, Gomaíl, Parada ou Pedre, acompañada sempre dos correspondentes ensalmos e esconxuros.
Ruta das Pontes do Lérez. Sendeiro Homologado.PR-G 113
1