Monasterio de Aciveiro


Monasterio de Aciveiro- Forcarei

Tén consideración de Monumento Histórico Artístico desde o ano 1931 e na actualidade é considerado Ben de Interese Cultural.
A superficie total do recinto é de 46.658m2, dos cales 5.896m2 corresponden propiamente ó edificio cenobial e á igrexa anexa, 2.125m2 ó adro do conxunto e 37.629m2 ás tres leiras de labor anexas.

O mosteiro érguese nunha garganta pola que discorre o río Lérez

Mosteiro e parroquia reciben o nome do lugar de emprazamento e da variedade vexetal predominante (o topónimo é un abundancial de "acivro”).
Na antigüidade, monte e terras aciveirenses estiveron moi poboadas. Son testemuños disto os abundantes monumentos prehistóricos que podemos atopar, como mámoas e castros, algúns reseñados en documentos do medievo.

É posible que á chegada dos frades houbese unha pequena poboación vivindo do pastoreo, pero esta freguesía comezou a existir e chegou ó seu apoxeo, tanto no aspecto demográfico coma no cultural e económico-agrícola, coa fundación do mosteiro, e proseguiu deica a desamortización de 1835. Todas as aldeas que compoñen a freguesía, rexida sempre por un frade vigairo, obedecen no seu emprazamento e medios de vida a unha determinada idea organizadora digna de terse en conta. Rodean o mosteiro nun radio duns 1500 metros ou algo máis, tendo entre si unha separación proporcionada.

Nunha inscrición que se conserva nun dos muros que dá ó claustro das procesións fíxase o 2 de febreiro de 1135 como data fundacional, detallando que a comunidade inicial estivo integrada por doce frades, que viñeran para fundar o mosteiro. Anos máis tarde, a comunidade bieita de Aciveiro aceptou, coma outras moitas de Galicia e de toda España, a reforma cisterciense. Non se teñen probas documentais que axuden a coñecer o ano no que os frades bieitos de Aciveiro se incorporaron ó cister. Tan só se sabe que no ano 1170 o mosteiro xa era cisterciense, fixándose nunha inscrición o día do mes de setembro no que a igrexa se dá como construída e dedicada á nai de Deus, a Virxe María, como sucede en todas as igrexas cistercienses.

A igrexa cenobial encerra un notable interese arquitectónico, xa que na súa estrutura non reflicte a traza nin a sobriedade ornamental doutras igrexas cistercienses, sendo máis bien acusadas as influencias da escola compostelá. Aseméllase ás igrexas erguidas en Galicia na segunda metade do século XII.

As características da igrexa son:

Planta basilical, tres naves e tres ábsidas na cabeceira en correspondencia coas tres capelas que tén. A posición das capelas é gradual, sendo pentagonal a ábsida maior e semicirculares as menores. As naves están divididas en cinco treitos, sendo de maior altura a central, cuxa teitume de madeira descansa sobre os muros que a separan das naves laterais. Nestas, a teitume tamén é de madeira, e apóianse sobre arcos transversais que marcan a separación dos treitos en que están divididas as naves.

Cómpre salientar o falso triforio ou galería que hai sobre as bóvedas laterais, de construción un tanto insólita en Galicia, que tamén se atopa nas igrexas de Xunqueira de Ambía e Santa Mariña de Augas Santas, na provincia de Ourense. A súa estrutura aseméllase ás galerías das igrexas catedralicias. Os arcos da galería son de medio punto e arrancan de columnas con capiteis de ornamentación sinxela.
A capela central tén planta poligonal, e comunícase coa nave mediante un airoso arco triunfal de medio punto. Cóbrese con bóveda estrelada.
O retablo reflicte a traza barroca da maioría dos retablos cenobiais construídos entre os séculos XVII e XVIII. Dous corpos superpostos, divididos en treitos por columnas que enmarcan os nichos laterais e os ocos centrais. A súa autoría atribúese a Miguel de Romay.

Na actualidade, nos laterais da igrexa quedan dous sartegos, un a cadanseu lado da porta. Na nave norte o sartego en pedra de gran de Frei Gonzalo das Penas, que gobernou o mosteiro na segunda metade do século XV. Na nave sur atópase a caixa sepulcral dun nobre señor que posiblemente sexa Don Pedro Martínez, Señor da casa de Soutomaior, gran benefactor do mosteiro.

Desdi de todo o conxunto do templo románico a fachada, que foi modificada no século XVIII, deixando como recordo unha modestísima portada que enmarca a abertura semicircular da porta.
Perante a fachada sitúase unha praza, nun tempo cuberta de carballos e castiñeiros propiedade da parroquia. Na parte norte da praza érguese un fermoso cruceiro, obra do artista de Quireza José Ferreiro, do ano 1893.
Exteriormente, os muros do templo teñen catro contrafortes, no lado norte, que sosteñen o pulo dos arcos das naves.
O muro oposto, o do lado sur, está adosado ó claustro das Procesións.
Fronte á gran explanada e facendo ángulo recto coa fachada da igrexa, atópase a vivenda do cura párroco. Aquí está tamén o pórtico de acceso á Casa, abovedado e de estilo clásico.
Unha vez atravesado o umbral abovedado, atopámonos no primeiro dos claustros, de forma rectangular e de gran tamaño, dedicado no seu tempo á recepción de froitos, la, millo, etc.
Á dereita, emprazábanse as cortes, alpendres, poleiros, pombais, fornos e vivendas de pastores. De fronte, e situada no medio do claustro, atópase unha fermosa fonte rematada no ano 1802.

Á esquerda sitúase o paso ás dependencias do mosteiro, que se fai por un treito abovedado de cinco metros de lonxitude, bóveda de medio canón, que desemboca nunha sala rectangular. Á esquerda atópase outra sala rectangular na que comezan as escaleiras de subida ós antigos departamentos altos do cenobio.
Á dereita atópase a antita cociña, que era a dependencia máis fermosa xunto coas cortes dos cabalos. Era rectangular, de dous ventanais e con todos os servizos necesarios: auga corrente en dous vertedoiros, lacenas e cheminea. A cheminea e a pesada cambota eran sostidas por fortes columnas. Toda a dependencia se atopaba cuberta dunha graciosa bóveda. Era o máis fermoso conxunto da casa, admirado por cantos visitaban o mosteiro. Foi rematada no ano 1801.
A continuación da cociña atopábase o refectorio, de regulares dimensións. Non tiña bóveda. Rematouse no ano 1802. Ó seu carón, atopábanse as cortes, cubertas dunha bóveda de medio canón. O piso era empedrado, vertendo por medio de canais cara o centro con oito comedeiros de pedra. Seguindo o percorrido polo claustro e á dereita, sitúase a entrada ó actual salón do piano, que era o antigo Scriptorium. Ó lado deste está o salón da cheminea e ó fondo as escaleiras que nos conducen ós cuartos da ala leste.

Unha das fontes máis saneadas dos ingresos do Mosteiro foron as neveiras que nos altos do Candán posuía.

Mercé ó interese do autor do Tumbo Grande, que ordeou todos os documentos existentes e dispersos nos centos de caixóns do mosteiro, pódese reconstruír con bastante fidelidade a historia do Convento, salvado do incendio de 1649, do saqueo e incendio de 1809 e despois dos dificilísimos momentos da dispersión dos relixiosos en 1835. En 1973 foi levado ó Mosteiro de Oseira e depositouse unha copia no Museo de Pontevedra e senllos exemplares fotocopiados no Concello de Forcarei e no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

 

 

Un pequeno resumo sobre O Concello de Forcarei, realizado por a TVG no programa De Viaxe, no 2009





Ver Monasterio de Aciveiro en un mapa más grande



Ver novas relacionadas


 

Nº de resultados:
1
Mostrar

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí Se continuas navegando estás aceptándoa
Política de cookies +