Avelino Cachafeiro o Gaiteiro de Soutelo

Avelino Cachafeiro o Gaiteiro de Soutelo


Transcrición da colaboración de X.M.Rivas Troitiño (biógrafo de Avelino) para a revista cotaredo no centenario do gaiteiro. (Músico tradicional)

-Entón, ¿vosé son bermellos?, preguntoulle un policía no porto de Lisboa ó máis mozo dos Gaiteiros de Soutelo cando viñan de Europa para á casa, mentres España estaba en loita civil. -Non señor, nós sómoslle de Soutelo de Montes.

Esta é a faciana que máis nos cómpre suliñar de Avelino Cachafeiro Bugallo, proclamado o millor gaiteiro de Galicia no ano 1924, nun concurso do que Castelao foi testemuño. Porque Avelino, ó fundar o grupo con seu pai e seu irmán Castor, escolleu o nome de Gaiteiros de Soutelo. Renunciou, dalgún xeito, á súa identidade para adoutar a da súa bisbarra.

Agora, 100 anos despois do nascimento de Avelino, unha das figuras egrexias da nosa terra, debemos lembrar non somentes ó gaiteiro que levou a súa arte ata América, senón tamén ó empresario e ó poeta. Da súa faciana de gaiteiro, convén suliñar que ademais de intérprete de escepción, adicouse a recoller o folclore da terra e a compor. A Muiñeira de Chantada é un exempro desa recuperación. Hoxe resulta gratificadoiro falar dun artista da gaita. Avelino soñaba con que a gaita chegara á Universidade. Pero con toda probabilidade nunca poido maxinar que na aldea global na que nos toca vivir, a gaita chegara a ser instrumento tan recoñecido e de masas como conqueriron Carlos Núñez, Susana Seivane, José Luis Hevia...

Para ser xustos, o Gaiteiro de Soutelo tivo case tanta sona no seu tempo, non somentes en Galicia, senón en América, onde actuou triunfalmente no teatro Avenida de Bos Aires, posiblemente o esceario máis rechamante daquela. Pero coido que somentes dentro do mundo galego. Hoxe, e esa é unha das grandes diferencias, o soar da gaita soia ou en mesturanza con outros diferentes sons e ritmos pertence e interesa ó mundo enteiro, é un fenómeno de masas, non soio dos galegos.

Avelino naceu o 26 de maio do 1899, un ano despois da data que siñalo na miña biografía del *. Non lembro agora de onde tomei a data do 98, que en calquera caso non é a correcta, senón a que figura na partida de bautismo. Naceu ás once da mañá, quinto fillo de Fermín Cachafeiro Balado, gaiteiro, e de Dolores Bugallo Paz. Os seus ancestros eran todos da Terra de Montes, de Sanguñedo pola banda do pai, e de Dúas Igrexas e Forcarei pola da nai.

O ensino musical debeu ser cousa de familia. Seu avó Xoán Cachafeiro, gaiteiro, seu pai, tamén. Segundo Sabela, irmá seguinte de Avelino, á que seguirían Bautista e Víctor Castor, o noso gaiteiro empezou a afizoarse á gaita polos doce anos. Do avó aprendera o rudimentario da técnica, e o demais foino coñecendo ás agachadas. Os montes de Soutelo, escribín na biografía, foron o conservatorio onde se formou o que sería virtuoso da gaita, o lugar onde comezou o diálogo entre instrumento e intérprete.

Cando o pai de Avelino, que cobraba seis pesetas por tocar nas festas, foi conscente da arte do fillo, regaloulle as gaitas e adicouse a tocar o bombo. Por se a gaita non ía ser abondo fonte de ingresos, Avelino tamén aprendeu o oficio de ferreiro en Carballás.

Ó remate da I Guerra Mundial nasce o grupo "Gaiteiros de Soutelo", do que Avelino sería o símbolo e o artista simpar, direitor e compositor. Gaiteiro sería tamén o irmán Castor. Bautista, outro irmán, cantaba de tenor e tocaba a caixa, mentres o pai se facía cargo do bombo e cantaba ou bailaba. Andrea, tía dos rapaces, acompañábaos co pandeiro. Case coma na cantiga popular:

O gaiteiro toca a gaita,
a muller toca o tambor,
os fillos tocan o bombo
o can ládralle o roncón


A sona do grupo empezou a medrar, e tiveron a sorte de que un "mecenas" lles regalase un vello Ford para poder atender todas as chamadas nuns tempos en que caseque todos os municipios tiñan gaiteiro titular. Pero os de Soutelo seica eran moi bos, e para unha festa ó ano ben se podía botar a casa pola fiestra. A verdade é que eles sabían aledar as festas: eran todo un show.

Unha circunstancia que poido mermar non somentes a arte senón a vida de Avelino resolveuse ó seu favor, xa que, á hora do servicio militar, en vez de tocarlle para Africa ficou excedente de cupo, tres meses despois de ser enviado ó Reximento de Infantería de Ferrol. De seguida foi nomeado gaiteiro da Sociedade Artística de Pontevedra. E por toda Galicia un nome empezaba a soar: o gaiteiro de Soutelo que, dende alí, tivo a oportunidade de saltar á fama. Estamos no 1924. Santiago, a capital dunha Galicia que tentaba suliñar a súa diferencia, convoca no mes do Apóstol un concurso para nomear ó millor gaiteiro de Galicia. Primeiro celébrase un literario, ó que acoden xentes coma Otero Pedrayo, Vicente Risco, Gómez Barros, Filgueira Valverde... e que gana Eladio Rodríguez González, cun poema que repetía "Todo o campo é unha oración".

O día 28 había de empezar o concurso de gaitas, ás seis da serán na praza dos Literatos ou da Quintana, como tamén se chama. Chovía. En Santiago había nove gaiteiros polos premios. Avelino tiña fama. Era outo, ben posto, elegante, falador e moi artista, sobre todo co seu traxe enxebre, calzón curto, roxa monteira e chaleque broslado.

Para esta ocasión, un dos grandes galegos fixo de xornalista: Castelao. "Namentras acolá en baixo rebulen as xentes con acontecimentos inventados polos homes, eiquí na montaña as xentes siguen rebolindo cos acontecimentos da Natureza. Un día de choiva fai falar máis que un troque de réximen político. No concurso de gaitas de Santiago presentábase o gaiteiro de Soutelo i este acontecimento extraordinario preocupou ás xentes coma se fose un acontecimento da Natureza. E falábase moito e facíanse pronósticos. -Hoxe é o día i o gaiteiro baixou onte xa. Un feirante dubidou do trunfo, cicáis porque alá nos seus tempos escoitou a Ventosela... E as xentes descorazoadas prepararon o esprito para recibila nova dunha inxusticia. -Os premios danse por empeños e o gaiteiro non os ten. O día rendeu moito e todos tiñamos un concurso de gaitas nos miolos. ¡Qué regalía dos ollos se poidésemos destapalas cacholas de toda ista xente!, porque compre non esquencer que os máis orixinaes decorados críanse na maxinación inocente do pobo aldeán. -¿E se Avelino se corta? Mirai que tocar alí non vos é o mesmo que tocar en Soutelo".

En Santiago era festa, pero había tamén moito rebumbio. Uns días denantes estivera por alí o dictador Primo de Rivera. O alcalde dimiteu cando marchou o xeneral; facía pouco tempo que tirara do seu despacho os retratos de Montero Ríos e García Prieto. Coma arcebispo estaba o galego Manuel Lago González, poeta él mesmo. O xurado estaba formado por Xosé Gómez Curros, Ricardo Fernández Carreira, que era o direitor da Banda Municipal, e Esteban Mariño Caldelas, contador da Liga que orgaizaba o concurso. O gaiteiro de Soutelo tiña daquela 24 anos, e seu irmán Castor 17. Algúns dos outros gaiteiros deberon escoitar algún ensaio de Avelino, porque tres xa non se presentaron. Ficaban seis para tres galardóns. O xurado, aínda que os de Soutelo pensaran outra cousa, non era dos que regalaban premios. No concurso de bailes deixaron desertos os dous primeiros. Pero os de gaita déronos. O primeiro, cómo non, foi para Avelino, e 150 pesetas. Era a procramación púbrica. Despois de tocar a Alborada de Veiga e un pasacorredoira. Escritores, poetas, galegos todos, sentíronse representados naquel gaiteiro que tan ben facía soar o istrumento que él mesmo defeniría coma escudo de Breogán, e que Otero Pedrayo resaltaría coma o máis rexo e armoñoso carballo do bosque antigo.

O cronista Castelao recolle tamén a chegada a Soutelo. "E no serán do siguente día velahí ven Avelino cos seus irmáns -todos vestidos ó xeito enxebre- tocando unha muiñeira que lle erguía o rabo ó mesmo can de San Roque. O pai do gaiteiro, na porta da casa, botou un foguete. Avelino ganara o primeiro premio. -Beno deciamos: non hai quen poida co gaiteiro de Soutelo. E as xentes da montaña alentaron con fachenda. Eu entrei con todos na casa do Gaiteiro e sentín que tamén me tocaba parte do trunfo porque o arrufio da emoción corríame polas costas. O pai, a nai e a irmán, denda sorrisa dos seus beizos, dixeron á unha: -contade. I o irmán pequeno contou: -Eu tamén ganei o terceiro premio. Deixáronme tocar e toquei. ¡Se vise, meu pai, que ben me saiu a alborada! -Pois ganaches un traxe, rapaz. Aquela noite escoitei denda cama coma as mozas cantaban:

Toca, gaiteiriño, toca,
meniñas, correi a velo
que é moita gaita a gaitiña
do Gaiteiro de Soutelo"


Así remataba Castelao a súa reportaxe que publicou no Galicia de Vigo, o 10 de agosto de 1924. A lenda estaba lanzada, imparable. Os que ían escoitando a Avelino ían contribuíndo a ela. Castelao non somentes fixo de cronista. Xunguindo sentimentos e artistas, pintou a Avelino de gaiteiro, pero nada menos que coa cara de Rosalía no fol da gaita. Tres símbolos de Galicia, xunguidos no dibuxo de Castelao, un símbolo máis.

 


Manoel García Barros escribe un longo poema titulado "O Gaiteiro de Soutelo", publicado na revista Vida Gallega, que recolle, igual que Castelao, a expresión popular do recoñecemento de excepcionalidade en prol do noso Gaiteiro. Os tempos eran propicios para a arte do gaiteiro. Gravan en Ourense, no ano 1928, seis discos que inclúen : A muiñeira de Chantada, a Alborada de Rosalía, a muiñeira de Ponte Sampaio, o fandango de Pontevedra, a marcha do Corpus de Pontevedra, Viva Barriño de Arén, Eicho de dar queridiña, a foliada de Luxán, a foliada rianxeira, as muiñeiras estroupele, estroupele, Farruquiña, chaman á porta, a de Ourense e un pasacorredoiras, a Volta da Festa. Quen non poidera escoitar en vivo ó Gaiteiro xa podía facerse unha idea da súa arte mediante as novas técnicas. Pero cando podían, querían facelo en direito. Así que había que levar o son do gaiteiro da lenda ós galegos que tiveran que emigrar. Arxentina era o primeiro destino. A presentación foi no Teatro Avenida de Bos Aires o 28 de febreiro de 1930. Os decorados eran de Castelao e de Camilo Díaz Baliño. E os gaiteiros actuaron durante un mes máis. Tal era o seu éxito. Ó pouco tempo mandaron para a casa 20.000 pesetas. Coma preámbulo da súa visita, Avelino mandou "O noso saúdo", que evidencia a súa vena poética, adicada a nobres sentimentos: a fala e a terra.


Airiños, airiños, aires
quitadoiriños de penas,
os airiños de Bos Aires
irmáns dos da miña terra.
Si foran pedras os soños
dos que atravesan o mar,
o camiño da Galicia
sería ben bó de andar.

Arxentino que me escoitas,
o mellor d-esta canción
é que está feita na fala
en que falaba Colón.
Da miña terra che traio
as rosas de máis feitizo:
os pensamentos das nais
que aquí teñen os seos fillos.

Si hei morrer en terra allea
quero morrer na Arxentina
en onde sempre hai quen fale
na fala da terra miña.
O gaiteiro de Soutelo
no ronco da gaita leva
o berro de ¡Terra a nosa!
¡y-arde o eixo, carballeira!


Ademais de Bos Aires, Rosario, Córdoba e Montevideo ratificaron a lenda dos Gaiteiros de Soutelo, en especial do seu líder, Avelino, o gaiteiro por excelencia.

De volta a España, Bautista morreu no ano 1933. A loita civil sorprendeunos en Barcelona, mentres tocaban. A Cultural Obrera de Madrid trasladounos á capital para que levantaran os espritos das xentes en loita.

Camiño de Berlín, onde ían tocar nos Xogos Olímpicos, deciden voltar á terra, con dificultades, dende Bordeaux, por Lisboa, ata que chegaron á fronteira de Tui o primeiro de decembro. Aí acabou, sen dúbida, a historia real dos Gaiteiros. Castor, emigrado a Venezuela, seguiu formando gaiteiros, pero Avelino, o millor gaiteiro de Galicia, ficou mudo para sempre.

 

Ata o 13 de abril do 1972, en que morreu o seu corpo, seguiu facendo Galicia, pero xa sin o soar da gaita. Eso formaba parte da lenda, e hoxe pódese comprender que así xurdira ó oír as reproduccións da súa música. O feito é que xa non voltou a tocar a gaita. O seu silencio, polo que teño deducido, estivo causado pola mesma loita e as circunstancias posteriores, pero tamén pola morte, ó nacer, do único fillo que tivo coa súa muller, Xosefa Cortizo Nogueira, e sobor de todo, a súa musa e compañeira, que dende o ano 46 penou unha artritis reumatoide.

Dende entón o Gaiteiro percorreu outra vegada Galicia, pero non para descubrir sons case esquecidos, senón para mirar tamén dentro do seu corazón e percibir os ecos dunha nova voz, máis fonda: a convicción da ialma inmorrente, que lle permite soñar ou agardar o intre no que poida voltar a reunirse co seu filliño e a súa muller.


Meu filliño, subiches pro ceo
sin darlle un biquiño a túa nai.
Agora arrecadeas a naiciña,
e na busca de ti ahí che vai...

Apértaa e dalle o biquiño
e colle a túa nai pola man.
Cando me vexades chegar
aceneádeme coa man.

Pedide o noso Señor
que eu vos poida atopar
alí no meio da groria
¡podernos os tres atopar!


Un cuarto de século dende que a familia do Gaiteiro me permiteu ver este e outros poemas inéditos, que reproducín na súa biografía, e sígueme parecendo un poema dos máis sinxelos, e fondamente humáns, dos que teño coñecemento.

Froito desta conceición da vida xurde un pequeno libro de poemas, Voando cas aas da vida, que publica él mesmo, co prólogo de Ramón Otero Pedrayo, e que inclúe na portada un mural cun fermoso debuxo de Lugrís. Teño dito que os seus poemas non son académicos, pero neles latexa fondamente o ser galego, esas vivencias coleitivas que caraiterizan un pobo.

Carlos Núñez, o seu herdeiro, procramou púbricamente o seu respeto e recoñecemento cara ó artista, ó Gaiteiro de Soutelo. Na presentación en Santiago do seu disco Os Amores Libres interpretou a muiñeira de Chantada, "en homaxe ó máis grande de todos nós", diante dun silencio moi respetuoso, coma se realmente fora a resurrección da arte do Gaiteiro. Porque el deixou dito:

Eu, máis alá do morrere
rexurdirei tocando a gaitiña
¡na longa gaiola do vento
co froleo da ialma miña!


Nós, que somos da súa bisbarra, o que lle queremos agradecer, ademais da súa arte, é que fora polo mundo levando o nome de Soutelo. Moitos tivemos a fortuna de coñecer a Avelino Cachafeiro Bugallo, o que nos permite saber que viveu de verdade unha lenda. Porque él quixo ser, por enriba de todo, o Gaiteiro de Soutelo.


* Xosé Manuel Rivas Troitiño: O Gaiteiro de Soutelo (Unha expresión da cultura popular). 1977. Imp. El Ideal Gallego. Reeditado en edición facsímile polo Concello de Forcarei no ano 1999, co gallo do Centenario de Avelino.

 

 



Ver novas relacionadas


 

Nº de resultados:
1
Mostrar

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí Se continuas navegando estás aceptándoa
Política de cookies +