Parroquia San Mamede de Millerada


Parroquia de Millerada. Río Grovas a su paso por Grovas


Existen dous castros ben conservados en Millerada, o castro das Rodeiras, nas inmediacións de Garellas, que aínda posúe as defensas en todo o recinto e no que se descubriron restos de primitivas vivendas, e o castro da Mouteira, en Fixó, de forma circular, con foso e antecastro.

A igrexa parroquial é quizais a máis fermosa de Terra de Montes. Presenta planta de cruz latina e ábsida rectangular, cos brazos a distinta altura que o corpo principal. A fachada está conformada por un primeiro corpo rematado en golas cun pequeno pináculo en cada unha delas, e o campanario armado en tres corpos, cadrangular o primeiro, hexagonal o segundo, con arcos peraltados ámbolos dous, e o terceiro que forma un cupuliño hexagonal de cascarón. No seu interior destaca a capela dos Remedios, que presenta un fermoso retablo de principios do século XVIII, digno representante da escola barroca popular, obra do artista Felipe García, con ornamentación a base de grilandas, flores, follas e froitos. Tamén atoparemos unha bela imaxe da Virxe do escultor compostelán Rodeiro Seoane, e o escudo de armas da familia Soto-Varela e Ogando, á cal pertencía o derradeiro dos Xuíces-meriños e primeiro Alcalde de Forcarei, don Alonso de Soto Cortés, nacido no pazo de Hermosende, único exemplo de arquitectura señorial do concello, do ano 1711.

Neste pazo, durante a invasión do exército napoleónico, mandou gardar Frey Felipe Serrano o chamado "Tumbo Grande”, verdadeira reliquia documental por sé-lo único material que se salvou da biblioteca cenobial dos incendios e da rapina francesa. No cemiterio atópase unha fermosa imaxe do Corazón de María, entre dúas columnas salomónicas, talladas por un dos meirandes canteiros da comarca, Manuel Doval Cadavid.

Na mesma parroquia érguense dúas capelas tamén de certo interese, a de San Antonio de Garellas e a dos Milagros de Vilariño.

 

Aquí tamén se atopan os restos das antigas fábricas de xeo que, no territorio municipal de Forcarei, pertencían ó mosteiro de Aciveiro, o Cabido de Santiago e a algún particular autorizado. Tamén se coñecen, tanto en Forcarei coma noutros lugares onde existían estes enxeños, como Neveiros. Constituíron unha das fontes máis saneadas de ingresos do cenobio aciveirense. Situábanse en zonas umbrías da Serra do Candán e doutros montes da comarca. Todos os mosteiros do Císter posuían neveiras, polo menos para o seu consumo. No caso de Aciveiro había un frecuente uso comercial que chegaba mesmo á Casa Real e que ocupaba a bastantes veciños da contorna nesta actividade de produción e transporte, non só ata as capitais provinciais do país galego senón ata a meseta.

Segundo Rodríguez Fraiz, debido á falta de documentos non podemos fixar con exactitude nin o momento no que foron construídas nin o número exacto delas.

Sábese que no ano 1682 tiña dúas neveiras da súa propiedade, pois así consta no Tumbo Grande. Existían neveiras en Súapica, Fixó de Millarada, Fixó de Pardesoa e Lamasgalán.

Segundo Camilo Fernández Cortizo, o período en que máis se incrementa a produción das neveiras dáse a partir da segunda metade do século XVI, aventurando a posibilidade dunha relación cun cambio climático –en concreto a coñecida como pequena idade glacial–. Xérase unha actividade comercial sobre a produción de xeo que ten como clientes principais o clero, os nobres e os altos funcionarios. A explotación das neveiras requiría unha previa preparacion, que abranguía os reparos necesarios das neveiras, a limpeza dos pozos e do alpendre, a compra de palla, etc. Coas primeiras nevaradas iniciábase o "encerro” da neve despois de ter sido convocados os "colleiteiros”, que eran gratificados con cartos e con unha ou máis libras de tabaco. Carréxase a palla que se ía utilizar como illante, e tamén a leña para se quentar durante os labores de encerro, que durarían ó redor dunha semana. A xente que se recrutaba procedía na súa meirande parte das parroquias próximas (Millarada, Dúas Igrexas, Madanela, Ventoxo e Forcarei). Cifra Camilo Fernández Cortizo en 167 a media anual de traballadores que movía a produción de neve. O período de encerro da neve soía ir de primeiros de febreiro a comezos de xuño. Despois había que cortala, pois loxicamente endurecera, e extraela do pozo mediante unna polea. Logo era cargada en cabalerías ou en carros para ser levada ó seu punto de destino. Para protexer a mercancía e paliar a perda utilizábanse mantas de la, peles e palla. Con todo, as mermas eran importantes, dependendo das distancias e das condicións climatolóxicas. Soían significar entre o trinta e o cincuenta por cento do total. Para o ano 1633 temos datos indicativos de que a colleita de neve lle supuxo ó Cabido de Santiago 2.002 reais, dos cales 705 foron para pagar os portes. Os prezos da libra de neve en Santiago de Compostela pasaron de seis reais no ano 1619 a 14 no ano 1772. A nosa zona, Terra de Montes, pasa por ser a mediados do século XVIII a de maior concentración de neveiras de Galicia. A produción é avaliada a mediados do século XVIII en 1.387 cargas, das que 650 pertencerían ós dous pozos propiedade do Cabido de Santiago, 450 ó pozo do mosteiro de Aciveiro, 37 ó do mosteiro de San Martiño Pinario, 150 ó do colexio dos Xesuítas e 100 ó do particular don Gaspar Mosquera. No tema da orixes, especúlase que os pozos do mosteiro de Aciveiro serían de construción medieval, así como outros serían de factura posterior. O desinterese por seguir coa produción de neve, debido ás considerables perdas ocasionadas por distintos factores (decadencia do consumo, condicións climatolóxicas, etc) comeza a finais do século XVIII.

 





 

Nº de resultados:
1
Mostrar

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí Se continuas navegando estás aceptándoa
Política de cookies +