Parroquia Santa María de Aciveiro
É unha das freguesías máis ricas e relevantes en manifestacións artísticas e arqueolóxicas, comezando polas mámoas existentes na serra do Candán (Porto Fieiro, Olleiros, Porto Tixoa, a Lagoa e Campo da Serra) e berce da máis representativa do noso concello, o mosteiro de Santa María a Real de Aciveiro, xoia do románico serodio, centro da vida agrícola, comercial e artesanal durante os anos que van desde a súa fundación, en 1135, ata a desamortización de 1835. De planta cadrangular, coas diversas instancias, como era norma nos conventos cistercienses, en torno a un patio ou claustro interior, posúe un templo de tres naves, coa central de cinco metros e medio de ancho, dividida en dous corpos: o primeiro formado por arcadas de cinco vans e rematado en sinxela imposta de onde arranca o falso triforio (singularidade nada frecuente nas igrexas da tipoloxía cisterciense galaica, só compartida con Santa Mariña de Augasantas e Santa María de Xunqueira de Ambía, as dúas do Románico ourensán). Unha doble arcada de tres metros de alto constitúe o segundo corpo. As naves laterais miden dous metros de ancho e albergan senllas capelas dedicadas a San Bernardo e San Bieito. Todo o conxunto está coroado por teitume de madeira, e nos laterais pódense ollar dous sepulcros labrados que posiblemente sexan de don Pedro Martínez, da casa de Sotomayor e do propio San Gonzalo das Penas. O retablo atribúese ó escultor Miguel de Romay. Os dous elementos máis interesantes da igrexa son a porta románica que queda na parede norte, e a triple ábsida, verdadeira obra mestra que presenta o típico taqueado xaqués nos arcos e xadrezado nas cornixas, e serve de asento a unha inscrición de carácter memorial, ademais de conter outros detalles de tipo ornamental que amosan claramente o dominio das técnicas de labra, que se atopa tamén presente na factura e diversidade de capiteis en todo o cenobio.
Outras mostras artísticas e artesanais dignas de admirar son os numerosos hórreos anexos ás vellas casas de labranza, destacando o que pertencía ó canteiro Manuel López Barciela, no lugar do Cotiño, rematado en capeliña gótica, así como os cruceiros, entre os que sobrancea o propio do campo do mosteiro, realizado por Xosé Ferreiro no ano 1893. Este mesmo canteiro sería o que se encargase tamén de levar a cabo o cruceiro da Praza da Igrexa de Forcarei.
Na cima do Candán quedan os vestixios dunha ermida dedicada a San Bieito, edificada polos frades que viñeron tamén erguer o mosteiro a comezos do século XII, posiblemente sobre os restos dunha antiga ara pagana consagrada a Iovi Candamio, unha das advocacións do deus Xúpiter.
1