Virxilio Vieitez (1930-2008). Retratista

Virxilio Vieitez (1930-2008). Retratista


De Virxilio Viéitez dinos Manuel Sendón, un dos seus descubridores a raíz da inaugural exposición organizada pola súa filla Keta, que unha das principais características é a escenificación dos seus retratos, nunca casual senón notablemente escollida. De certo, estamos ante un retratista que elixe o seu marco, o que mellor ha sentar á imaxe do seu retratado, introducindo elementos naturais que provocan sempre certo impacto no resultado final.

Virxilio Viéitez naceu en Soutelo de Montes no ano 1930 e finou no ano 2008, recoñecido como o mellor retratista da realidade dunha comarca.

Traballou, antes de se dedicar ó mundo da fotografía profesional, nas obras do aeroporto de Santiago de Compostela, con 16 anos de idade, e despois na zona do Pirineo aragonés, con 18, onde traballa nos teleféricos. Aí toma o seu primeiro contacto co mundo da fotografía, mercando unha Kodak de formato 6 x 9. No ano 1949 volve de vacacións a Soutelo. Con posterioridade trasládase a Palamós e comeza a traballar como empregado do fotógrafo Pallí, co que aprende o manexo da cámara e o traballo do laboratorio. Chega a facer algúns traballos dirixidos á publicación "La Vanguardia". Aproveita tamén o boom turístico da Costa Brava para facer retratos ós turistas que querían levar unha lembranza de España.


No ano 55 ten que volver a Galicia por se atopar súa nai enferma, e uns meses despois, ó morrer esta, ten que ir facer o servicio militar á Coruña, estando xa casado.


No 57 reemprende o traballo fotográfico en Soutelo, cambia a cámara Retina por unha Rollei e despois incorpora unha Voigtlander. Comeza a traballar arreo por toda a comarca de Montes (Beariz, Pedre, Avión, Millerada, San Marcos, Sanguñedo, A Barcia, etc). Tamén exerce de corresponsal de El Pueblo Gallego e da emisora Voz de Vigo.


En 1967 mercou un seat 1500, o "coche das noivas, que non podían ir nun 600". Na década dos 70 introdúcese a cor nos seus traballos, aínda que el prefire ó branco e negro, que lle permite encadrar e traballar posteriormente a fotografía.


A principios dos anos sesenta, cando se impón a obrigatoriedade do carné de identidade, desprázase na súa Lambreta de xeito continuado por toda a comarca para realizar os retratos de carné. Lévao a cabo cunha gran simplicidade de medios, empregando como telón de fondo un simple pano branco, feito delatado por unha rachadura que aparece na marxe da maioría dos retratos. A pesar da rapidez con que foron feitos (normalmente non realizaba máis de unha ou dúas tomas de cada persoa) teñen un grande interese tanto dende o punto de vista estético como documental, pois acaban converténdose nun exhaustivo retrato colectivo dunha comarca nun determinado momento.

Dedicoulle gran parte do seu tempo á fotografía de vodas, para o que en ocasións se despraza a vilas fóra da Terra de Montes, e mención moi especial merecen as súas fotografías dos velorios e retratos de mortos, que servían moitas veces para resolver cuestións de herdanzas, testemuñando así que esa persoa morrera. A maior parte das veces estas fotos nos permiten profundizar na idea do papel que pode xogar a fotografía como instrumento que fai perdurar a memoria.

A maioría das reportaxes antes citadas sobre a vida da comarca resolvéraas a través do retrato, e é preciso dunha forma moi especial salientar que case que a súa totalidade está realizada no exterior cunha sinxela escenificación que el controla totalmente e que resulta tan excepcional como fascinante. A grande orixinalidade destas fotos vén dada polo feito de que substitúa o estudio tradicional de interior por fondos vexetais, polos que se sentía atraído, introducindo nalgunhas ocasión primeiros planos vexetais como un dos elementos esenciais da fotografía.

Resulta completamente insólito atopar retratos de primeira comuñón onde as verzas ocupan unha parte moi importante do fotograma e o suxeito protagonista do retrato aparece metido no medio delas, a pesar da solemnidade do momento. Nalgunhas ocasións cómpre destacar a harmonía entre o fondo vexetal e o ramo de flores da moza fotografada. Cómpre tamén mencionar o interese das imaxes nas que introduce animais e especialmente convén reparar no gran número de imaxes que Virxilio constrúe introducindo como fondo, e elemento fundamental na imaxe, os monumentais coches que traían os emigrantes de América, os haiga. Este último elemento vai facer que a fotografía reflicta claramente a situación xerada pola emigración.Unha situación na que os luxosos coches americanos aparecían en estradas que máis ben eran case camiños, onde a economía campesiña carecía das máis elementais máquinas e onde a forma de vida non dispuña dos máis elementais servicios. Resultan inusitadas as imaxes dos haigas aparcados diante de casas que aínda debían agardar dez anos para ter un servicio tan elemental como a auga corrente.

Nos seus retratos, caracterizados pola frontalidade e polo estaticismo, chama a atención a excepcional capacidade de Virxilio para lograr plasmar unha gran expresividade dos suxeitos fotografados, presentándoos sempre cunha gran dignidade. En ocasións traennos á memoria a Paul Strand, August Sander, Walker Evans ou a Diana Arbus e a Richard Avedon, dos que el non tiña a máis mínima referencia.A obra de Virxilio Vieitez foi estudiada polo dentro do proxecto de investigación "Dous aspectos da fotografía en Galiza. 1950-65" financiado pola Universidade de Vigo, e contou coa colaboración da filla do fotógrafo Keta Vieitez


Nos 80 abandona toda actividade fotográfica e cede o relevo á súa filla Keta. Esta é a responsable, no ano 1997, do descubrimento do labor de seu pai, tras organizar unha exposición en Soutelo que amosa un centenar de fotografías de Virxilio, e que será vista por Manuel Sendón e Suárez Canal, os que tratan por tódolos medios de que a obra do soutelán sexa coñecida non só en Galicia, senón en todo o mundo.


A obra de Virxilio está composta sobre todo por imaxes realizadas no exterior (hortas, rúas e estradas, prazas, o campo). Esto daba lugar a resultados insólitos pero harmoniosos na composición. Nas fotografías de estradas, reforzábase considerablemente a presencia do suxeito retratado, situado no centro da imaxe, outorgándolle un maior impacto visual provocado pola sensación de espacio baleiro que xeraba.

Coida sempre con atención os fondos e os diferentes elementos que introduce, así como a posición do suxeito e a relación entre eles se son varios. Non resulta estraña a inclusión de animais domésticos coma a cabra, o gato ou o can, pero o que si resulta sorprendente é o xeito en que o fai, mesturándoos cos retratados vestidos de festa.

Noutras ocasións o papel dos animais é suplido por outros elementos, sendo frecuente que fixese posar ás mulleres, nos retratos individuais, con algún obxecto nas mans, xa for un ramo de flores, un costureiro ou unha carteira. A importancia que para Virxilio tiña a escenificación, que controlaba con grande sensibilidade, non daba lugar a imaxes sofisticadas, gratuítas ou recargadas. A súa forza estaba na súa sinxeleza, a pesar do inusitadas que resultasen algunhas delas.


Cómpre reparar tamén no gran número de fotografías que constrúe introducindo como fondo os monumentais Chevrolets, Pontiacs, Fords ou Cadillacs que os emigrantes traían das Américas, como novidade e luxo que resultaba atractivo incluír nas fotografías. Tamén incluía autobuses coma o Numancia ou La Montañesa, e mesmo a súa propia motocicleta, que aparece en gran número de instantáneas. A través delas mesmo se pode ir comprobando o cambio da sociedade, no feito do propio cambio dos coches americanos polos europeos, e máis tarde a irrupción dos mil cincocentos e dos seiscentos españois.

Se a escenificación é importante, non o é menos a gran capacidade de Virxilio para captar a expresión das xentes que fotografa, obtendo imaxes dunha extraordinaria vida. Atopamos expresións de tristeza -as condicións de vida naqueles tempos non eran para menos, non deixa de ser a mesma sociedade que Chano Piñeiro retrata en "Sempre Xonxa"-, de desconfianza, e nalgún caso de satisfacción, pero todas elas acompañadas dunha seriedade que, unida á coidadosa elección da vestimenta, mostra o respecto que tiñan naquel momento polo acto de se retrataren, un acto absolutamente excepcional e trascendente, tendo un significado moi diferente ó de hoxe, como Virxilio di: "agora é distinto porque en cada casa hai unha máquina".

O gran dominio que tiña do retrato permitíalle acadar as imaxes que obtiña tirando normalmente un só negativo por retrato, sendo raros os casos en que tira dous fotogramas. O control que el exercía sobre os suxeitos e a capacidade para prever os resultados era total, "o cliente non tiña voz, o único que lle interesaba era saír guapo e non se preocupaba para nada do fondo da imaxe, eles mesmos preguntaban onde se tiñan que pór. Non era como agora, quen mandaba era o fotógrafo, era como un notario". Efectivamente, Virxilio é un dos mellores notarios do mundo da emigración e das súas tráxicas consecuencias para a desmembración das familias e do desleixamento dun mundo que xa non podemos ollar se non é nas súas fermosas e testemuñais fotografías.

Virxilio foi recoñecido xa á altura de fotógrafos como Ksado ou Manuel Ferrol, porque entre outras cousas, e como ben resalta Manuel Sendón, a pesar do gran número de cámaras que hoxe en día existen e malia o gran número de fotografías que hai en todas as casas, moito tememos que ningunha comarca quedará neste momento tan claramente reflectida nas súas coordenadas de espacio e lugar como o foi a Terra de Montes neste período por Virxilio Viéitez.

Documentación e fotografías

https://cefvigo.wordpress.com/virxilio-vieitez/

http://www.juanadeaizpuru.es/ Galería Soños por encargo

http://www.elcultural.es/version_papel/ARTE/25582/El_futuro_de_Virxilio_Vieitez

http://www.elpais.com/articulo/Necrologicas/Virxilio/Vieitez

http://espacio.fundaciontelefonica.com/virxilio-vieitez/

http://www.huffingtonpost.es/2014/02/14/virxilio-vieitez-xyz1_n_4787247.html

 

(resumo elaborado a partir de datos obtidos por Manuel Sendón e X.L. Suárez Canal)

 


Mostra homenaxe a Virxilio Vieitez, na Fundación Telefónica, unha mostra dos mellores traballos de Virxilio para o cal revisaron máis de 50.000 negativos datados entre 1953 e 1980 e pertencentes ó arquivo persoal do fotógrafo, que conserva a súa filla, Keta Vieitez. Ademáis da mostra, tamén se levaron a cabo outras actividades complementarias que se poden ver aquí.


Virxilio Vieitez from PROMOCIÓN DEL ARTE on Vimeo.




 

Nº de resultados:
1
Mostrar

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí Se continuas navegando estás aceptándoa
Política de cookies +