Parroquia San Miguel de Presqueiras
Entre os vestixios arqueolóxicos, destacan as insculturas do Outeiro da Cuspe e un deseño cruciforme na rocha chamada O Sarillo.
Estas insculturas foron estudiadas por Fermín Bouza Brey. Alberga esta freguesía un dos máis importantes sinais de identidade da Terra de Montes, os restos da Torre-fortaleza medieval de Montes, residencia que foi dos Xuíces-meriños e centro administrativo e xudicial ata o seu derrubamento en torno ó ano 1467.
Actualmente só quedan algúns restos dos muros, e a capela de Nosa Señora do Castro, do século XVI, de fachada barroca, con fórnice que contén a imaxe da Virxe, rematando en típica espadana. Foi obra dos mestres Pedro de Arén, Xosé Nieto e Domingo Antonio Sieiro. Ten un pequeno altar plateresco de factura popular. Consérvase tamén no interior unha imaxe da Virxe do Castro, de estilo gótico, policromada e duns cincuenta centímetros de altura.
Tamén aquí se acha o sartego de Virxilio Blanco, pintor de pincelada sobria, leve e precisa que ademais foi cofundador de "Alborear”, revista literaria e independente editada en Forcarei desde o ano 1931, e da que o propio Virxilio foi redactor artístico, colaborando dalgún xeito á formación e ó estímulo de futuros artistas de Forcarei e da Terra de Montes.
1