Parroquia San Xoán de Meavía
Presenta restos arqueolóxicos esta parroquia nunha zona coñecida como a Mámoa de Boi Morto, nos límites cos concellos de A Estrada e Silleda.
Ademais, consérvanse vestixios dunha vía secundaria romana.
O templo parroquial presenta planta de salón e cuberta a dúas augas. Conserva, da primitiva igrexa, unha cruz antefixa e un cruceiro do século XVIII. Aínda que en ruínas, é digna de contemplación unha suxestiva ermida illada no bosque ó pé do antigo camiño Vreeiro, o que utilizaban os arrieiros do viño para porta-los odres do Ribeiro ata Compostela. É a ermita de San Mauro, que conserva nas súas paredes restos de pintura mural.
A Lagoa Sagra, no lugar de Valadares e tamén no límite coas terras estradenses e de Silleda, é outro dos atractivos da freguesía, a uns 700 metros de altura sobre o nivel do mar. Espazo protexido dentro da Rede Natura.
E unha zona extensa de monte baixo e prados húmidos con interesantes brañas. A fauna existente componse dunha variada representación de anfibios e réptiles. Tamén se poden atopar aguiachos, falcóns, aguias brancas e trigueiros; ademais de mamíferos coma raposos e lobos.
Existen lendas que fan referencia a unha batalla contra os mouros, na que houbo moitos mortos que foron depositados na lagoa amurallándoa de seguido para que non fose profanada. A lagoa é de carácter estacional e seca durante o verán.
1